xoves, 8 de agosto de 2013

Por que de aquí, xusto e ecolóxico dende o punto de vista do comercio xusto e a cooperación



O concepto de comercio xusto ten variado substancialmente desde a súaa creación, hai xa unha chea de anos, ata a actualidade. A día de hoxe case ninguén cuestiona que un comercio xusto de produtos importados de comunidades en desenvolvemento no Sur non ten porque entrar en competencia cos produtos cercanos, senón que, moi ao contrario, o comercio xusto serve de marco definitorio sobre o que é xusto para produtores e consumidores tamén aquí no Norte.
Existe pois, unha necesaria cooperación entre o concepto de comercio xusto máis clásico e a defensa dun mundo rural vivo, dunha produción ecolóxica no noso entorno, sen máis desprazamentos nin intermediarios que os necesarios e, en definitiva, da soberanía alimentaria para os pobos, tanto no Sur coma no Norte.
Podemos escoller produtos cercanos, ecolóxicos e de calidade, nos mercados locais, tendas de barrio, de comercio xusto, cooperativas de consumidores, etc.; e a continuación escoller, mediante a figura dos círculos concéntricos, o resto de produtos que non atopamos aquí, preferindo igualmente os de comercio xusto, ecolóxicos ou artesanais, de pequenos produtores, e evitando as multinacionais e as grandes cadeas de distribución alimentaria.
O noso xeito de consumir condiciona, por tanto, o dereito das persoas produtoras a vivir dignamente do seu traballo e permite reivindicar desde as que somos consumidoras o dereito a saber o que mercamos, a non apoiar situacións de explotación tanto das persoas como do planeta e a consumir produtos bos e seguros para a nosa saúde.
Polo tanto de aquí, xusto e ecolóxico xorde, ao mesmo tempo, como necesidade e oportunidade nunha situación de crise na que temos que deixar de cavar no pozo e construír presente e futuro baseados en tres patas que son:
  • De aquí, polo feito de apostar polo que temos máis preto.
  • Xusto, por facermos unha sociedade máis equilibrada e solidaria.
  • Ecolóxico, pola necesidade de vivir nun territorio máis sostible.
A súa mistura nun contexto local e nunha visión global, permiten aproveitar as experiencias positivas de desenvolvemento rural para tecer as bases dunha cooperación que non distingue de fronteiras e si de persoas.


Asdo. Lucía Medina e Xabier Bruña

Ningún comentario:

Publicar un comentario