xoves, 29 de agosto de 2013

Por que de aquí? por que xusto? por que ecolóxico?, desde a óptica feminista



A dominación masculina sobre as mulleres, artellada no que coñecemos como patriarcado, e a dominación que as sociedades capitalistas exercen sobre a natureza, estrutúranse en estreita complicidade dende as súas orixes.

A división sexual do traballo ven relegando ás mulleres á esfera doméstica e reprodutiva, construíndo o seu rol "natural", o seu mandato de xénero; a esfera pública e o traballo produtivo ficou en mans da masculinidade hexemónica, e é aí onde se xera o poder, a riqueza, a toma de decisións e a valoración social. Os coidados familiares, a crianza de fillas e fillos, a alimentación, a saúde, o afecto, as relacións na comunidade... son caras dunha mesma moeda, a da relación, á que patriarcado e capitalismo negaron o valor. Gratuíto e invisible, o traballo reprodutivo desapareceu das estruturas de poder, da esfera pública, da educación, da ciencia, do discurso.

Da mesma maneira, a natureza, nas sociedade urbanas e industrializadas, convírtese en recurso económico que se ten en conta só na medida en que pode monetarizarse e utilizarse no proceso de acumulación de riqueza. O valor dos ecosistemas o dá a súa mercantilización, todo o demáis queda fóra.

Desta dobre opresión, das mulleres e da natureza, nace unha resistencia cómplice, íntima. Desde a súa posición subalterna, as mulleres ao longo do tempo, cos seus saberes e o seu día a día, conservaron o valor da vida fronte o valor do diñeiro.

Non é casualidade pois que sexan as mulleres as protagonistas nos procesos de construción de alternativas ao sistema dominante, e que, na crise que o atravesa, fagan da súa opresión unha fortaleza na que inspirarse como modelos de cambio. As labregas seguen alimentando os mercados locais e de proximidade cos seus produtos alleos á agricultura a grande escala e manteñen as hortas e as granxas familiares. Nos circuítos curtos de comercialización e a venda directa (mercados, grupos de consumo, caixas semanais...) e todas aquelas experiencias de re-construción colectiva (trocos de sementes, de saberes, de axuda mutua...) teñen as mulleres un papel predominante. Experiencias de resistencia todas elas que, coa súa multiplicación, teñen a capacidade de virar o rumbo das nosas sociedades.

A ética dos coidados pode pasar de ser o molde opresor de xénero a converterse nunha bandeira de loita para repensar o noso presente e dar paso a que as emocións, os afectos, a saúde, a alimentación, a terra, a auga, o ar, as árbores, as sementes, as relacións, os animais... sexan considerados como elementos esenciais da vida, valorados, recoñecidos e respetados na súa xusta medida.

As mulleres, e os homes que queiran e saiban sumarse en corresponsabilidade, temos a chave. É o xusto! E é dende o local dende onde podemos construír realidades alternativas que servan de espello no que mirar ese outro mundo posible.


Lara Alfaro. Sindicato Labrego Galego.


Ningún comentario:

Publicar un comentario